Hai tres anos os galardóns optaron por facer unha modificación na concesión dos recoñecementos, que agora se coñecen no decurso do evento, e dende ese momento o deseño musical das galas pasou a ser diferente, coa idea de realizar un espectáculo que ofrecese aos espectadores a posibilidade de descubrir novas propostas de interese en diferentes ámbitos que tivesen que ver coa música de raíz galega.

Nesta décimo terceira edición dos PREMIOS OPINIÓN haberá unha achega a sonoridades que nunca se escoitaran enriba do escenario, coa intención de amosar ao público como se pode abordar a interpretación de pezas tradicionais ou populares dende perspectivas diferentes. Será unha noite que, aínda partindo do espírito da tradición, aportará un eclecticismo que pretende abrir o abano expresivo dos artistas que pasaron polas táboas ao longo da historia dos galardóns. Saiva Nova daralle un toque de música clásica ao seu concerto e PeldeNoz fará certa aproximación ao jazz. Pola súa banda, a participación de Anxo Pintos supón dar un novo paso na procura de aspectos novidosos. O músico, coñecido sobre todo pola súa participación nos Berrogüetto, interpretará a banda sonora que realizou para a curtametraxe documental Percebeiros, tendo como respaldo imaxes do propio traballo audiovisual nas que aparecen reflectidas os percebeiros e o seu labor. Na parte final da súa intervención, Pintos contará co acompañamento vogal de Serxo Ces, cantante de os Cempés e protagonista do documental.

O encargado de presentar a cerimonia será o xornalista Moncho Lemos, coñecido na súa faceta televisiva pola súa traxectoria como crítico cinematográfico e director do programa musical Fondos reservados, un espazo que se emite dende hai moitos anos na sintonía da Radio Galega.

A cita coa festa do folk galego será ás oito e media do serán no teatro Rosalía de Castro.