Desde o establecemento do Día das Letras Galegas no ano 1963 ata agora, só das 51 persoas homenaxeadas -Xosé Filgueira Valverde convertirase na número 52 no vindeiro ano- tres foron mulleres: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007). "Temos claro que o Día das Letras Galegas é un día importante. É un punto de comunicación co mundo literario e cultural e coa cidadanía. As mulleres non deberían estar excluídas; que non estean aí é unha perda de oportunidade", sinala a escritora María Reimóndez. Para axustar a débeda e quitar do silencio das liñas da literatura a figura da muller, A SEGA, Plataforma de Crítica Literaria Feminista, convoca para o vindeiro 15 de agosto o I Día Das Galegas nas Letras.

O fin é homenaxear a unha muller que contribuíra "de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular", apuntan dende A SEGA que escolleu para este ano á musicóloga suíza Dorothé Schubarth.

Esta muller -coa axuda lingüística do filólogo Antón Santamarina- recolleu en cinco anos cancións populares por toda Galicia. Ese traballo publicouse en sete volumes no ano 1984, co patrocinio da Fundación Barrié de la Maza, baixo o nome de Cancioneiro Popular Galego e segundo o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega supón "a obra fundamental sobre o folclore musical de Galicia".

Un vídeo que garda a mediateca da Universidade de Vigo recolle a intervención de Dorothé Schubarth con motivo do VI Día do Orgullo Gaiteiro hai unos anos, nel, a musicóloga suíza explica que "a miña idea era buscar un sitio con música de raíz", algo que a finais dos anos 70 xa non podía procurar polo centro de Europa, de aí que viñese a Galicia de vacacións no ano 1978 para quedar aquí un lustro a traballar na recompilación de cancións populares.

Dorothé Schubarth naceu en Basilea, Suíza, e dende o ano 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna. Desenvolveu traballos de pesquisa de música popular europea na zona dos Balcáns, Cáucaso, Alemania, Francia e Galicia. A pesar deste traballo, A SEGA critica que o seu nome non apareza ata agora na Wikipedia. "Ese é o sino das mulleres", lamentan.

Segundo María Reimóndez, voceira de A SEGA, esta muller foi "a primeira que puxo a autoría entre aspas das composicións populares. Ela recolleu as letras, os nomes das cancións e os nomes das persoas que as cantaban. Fixo visible que a maior parte desa lírica popular se mantivera a través das mulleres". Para esta escritora, Schubarth tamén demostrou que, ó contrario do que se fixera crer, as mulleres tamén foron autoras da lírica popular. "Isto pon en entredito o discurso oficial de que non hai mulleres ás que adicar as Letras Galegas", sinala Reimóndez.

A organización do Día das Galegas nas Letras engade que "Schubarth está informada desta homenaxe que lle imos facer. Temos un contacto estreito con ela e falamos con ela sobre os actos do día 15 de agosto. Dixo que lle daba un pouco de reparo asistir". Engaden que inda están a perfila-lo programa, que consistirá nun acto aberto á cidadanía no que xa está confirmada a participación de Mercedes Peón, así como de diversos colectivos de mulleres.

Alleas á polémica de Filgueira

María Reimóndez aclara que A SEGA leva traballando neste Día das Galegas nas Letras dendo hai un ano, polo que nada ten que ver a celebración coa polémica recente pola elección de Filgueira Valverde como homenaxeado do vindeiro 2015 e o desexo de varios colectivos de facer unha celebración paralela con outro persoeiro.

Respecto do que lles motivou crear o Día das Galegas nas Letras, indicou que "a cidadanía debemos dar propostas e dar discursos alternativos para cambiar as estruturas que nos expulsan. É un feito grave que nestes anos só houbera tres mulleres homenaxeadas no Día da Letras Galegas. Excluíron da cultura ó 50% da poboación".