O programa Náufragos de Produccións Celta, que emite a Televisión de Galicia (TVG) e que pretende achegarlles aos espectadores un dos aspectos máis determinantes da vida mariñeira e a realidade máis terrible que se pode dar no mundo do mar, tratará hoxe (15.45 horas) as historias dos náufragos do Cizurkil, de Muros; e dos do Laberco, de Fisterra.

O Cizurkil, un arrastreiro de Muros, pescaba o 3 de maio de 1982 fronte ao cabo da Nave, en Fisterra, cando un mercante con bandeira iraniana impactou contra el. O mercante seguiu rumbo sen deterse e o Cizurkil afundiuse partido ao medio e morreron os seus nove tripulantes. Foi unha traxedia que non só conmocionou a vila coruñesa de Muros, senón tamén toda a Galicia mariñeira. O camposanto de Muros garda os corpos de moitos náufragos, pero non os dos oito mariñeiros que non se recuperaron do Cizurkil. Esta é a realidade máis dura das traxedias do naufraxio: as viúvas que non teñen onde ir levar flores aos seus defuntos.

Pola súa parte, o Laberco dedicábase a traballar a nasa do polbo e tiña base no porto de Fisterra. O 4 de setembro de 2013 saíu pescar fronte ao faro de Lariño, largando as nasas arredor dos baixos denominados A Meixide, pero a quilla do barco tocou contra o baixo e abriuse unha vía de auga na proa. Aínda que dous barcos foron ao rescate, non foi posible salvar o Laberco, pero si os seus tripulantes.