O que non se consegue coa palabra e obriga a acudir á espada é un fracaso, e por iso o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, invita a festexar e exaltar este domingo o idioma galego nunha terra que "ten como día maior e máis grande o día da palabra".

Galicia celebra o 17 de maio o Día das Letras Galegas, no que este ano se homenaxea ao polígrafo pontevedrés Xosé Filgueira Valverde, unha figura intelectual que Montero (Vigo, 1928) considera "moi importante e que achega aspectos que os outros 52 homenaxeados dende 1963 non tiñan", explica nunha entrevista con Efe.

Filgueira Valverde, considerado "o último polígrafo de Galicia" polas súas múltiples investigacións líricas, lingüísticas, literarias, epigráficas ou biográficas, naceu en 1906 en Pontevedra, onde morreu noventa anos despois, e foi membro fundador do Seminario de Estudos Galegos, director do Museo de Pontevedra, alcalde da cidade do Lérez e, xa en democracia, conselleiro de Cultura.

"Temos neste momento a evidencia de que o día 17 vai ser un día grande para Galicia este ano, especialmente importante, porque a figura que se celebra presenta aspectos no plano erudito, da investigación da literatura medieval, que outros autores non tiñan", asegura Montero, catedrático de Lingua e Literatura, e elixido en 1984 membro numerario da RAG.

É precisamente nesta faceta "onde hai que centrar o feito de sinalar a importancia de que o día 17 estea protagonizado por Filgueira Valverde", cuxa designación pola RAG como autor das Letras Galegas 2015 foi moi criticada polo seu pasado político.

Máis de medio centenar de expertos examinaron en distintas obras os aspectos principais da vida e obra de Filgueira Valverde, dende unha posición "que ten que ver coa gratitude da intelectualidade galega de hoxe ao traballo que durante case noventa anos fixo este home", afirma o presidente da Academia.

Por iso, a homenaxe celebraráse no Museo de Pontevedra, que o autor converteu baixo a súa dirección "no mellor de España", coa intervención de tres académicos e un concerto que interpretará música relacionada coa súa figura, como unha Cantiga de Alfonso X El Sabio, poesía na que era un grande especialista, un poema seu e tres cancións populares que estudou na súa obra.

Pero a cultura galega é máis que o seu "día da palabra" porque é arte, é o Pórtico da Gloria, é a súa literatura e tamén o seu idioma, e é neste sentido no que o presidente da RAG invita a non facer "discursos que son inadecuadamente funeralistas".

"É certo que hai datos preocupantes sobre a situación do galego, pero tamén hai datos que son moi positivos e a literatura galega está nun momento verdadeiramente extraordinario, cegador en producción, narrativa, teatro, poesía ou ensaio", argumenta antes de aconsellar que non se esqueza que hai que volver unir o "fío roto de transmisión do galego de pais a fillos".

Un feito que considera "preocupante" e ante o que cre que a Xunta, coa colaboración de institucións coa Academia á cabeza, debe "velar pola situación do galego, sobre todo nalgúns aspectos nos que a súa saúde é precaria".

A medida estrela que propón é un plan de potenciación do galego dirixido aos mozos que coñecen e escriben ben o idioma pero que non o falan. "Por aí vai a cousa", apostila este escritor de medio centenar de obras, entre elas as premiadas "As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luis Seoane" (1994) e "Cartas de republicanos galegos condenados a morte" (2009).

O vindeiro domingo é un bo día, como calquera outro, di, para exaltar o idioma da Comunidade, porque "Galicia é un dos poucos países do mundo no que a súa gran festa é a festa da palabra" e o que non se consegue con ela, "é un fracaso", remarca.

É por iso que "hai que festexar a palabra do idioma vernáculo", continúa, un convite "que non quere dicir que haxa que cuestionar a presenza do castelán no mapa social, cultural e político de Galicia", senón que "o galego ten que ser potenciado no camiño dunha normalización xeral".

Xesús Alonso Montero, distinguido con varios premios na súa traxectoria, recoñece non ser santo nin bruxo, profeta ou xurista, pero confesa que, "sen botar as campás ao voo", ten a esperanza de que os argumentos que presentou a RAG ao Tribunal Constitucional os convenzan de que o decreto do plurilingüismo "vulnera" o dereito á igualdade das persoas que falan galego.