Mais aló das universidades é posible aprender galego ou cursar materias neste idioma fóra de Galicia. Unha vintena de colexios e institutos inclúen estas asignaturas na oferta curricular, segundo explica Política Lingüística, onde resaltan que son más de 1.700 os rapaces que cursan lingua galega no ensino obrigatorio unha vez se pasa O Courel.

A maior oferta dase nos territorios limítrofes, onde o galego forma parte do día a día de moitos dos seus cidadáns. É o caso do Bierzo (León) e Sanabria (Zamora). En ambos casos existe un protocolo de colaboración entre a Xunta e a Junta de Castilla y León para promover a lingua galega nestas zonas. Deste modo, en Educación Primaria, os rapaces teñen a opción de estudar as materias de Coñecemento do medio e Plástica en galego mentres que en ESO, pode facerse Ciencias Sociais neste idioma. Ademais, existe a optativa de Lingua e cultura galega en 4º de ESO e 1º e 2º de Bacherelato. Uns 1.129 alumnos cursan galego nestes centros, e máis na escola de idiomas destas zonas.

Dentro de España tamén se imparte a materia de galego como asignatura optativa en dous institutos de Cataluña (32 alumnos). Do mesmo modo, o centro de ensino secundario de Meira (Lugo) oferta o catalán como optativa para o alumnado.

Tamén hai colexios no extranxeiro que imparten clases de galego: o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires (563 estudantes de 3 a 18 anos, é dicir, dende o nivel inicial ata Secundaria) ou o Vicente Cañada Blanch, en Londres (32 estudantes de Primaria e ESO).