Co obxectivo de fomentar e divulgar tanto a lingua como a cultura galega nacía hai xusto un ano o primeiro dominio .gal. Desde entón, non deixan de aumentar as institucións, asociacións ou empresas que apostan por levar un apelido 100% galego nas súas páxinas webs. "Hoxe en día hai uns 1.900 dominios .gal aínda que non todos están funcionando polo momento", sinala a directora do dominio PuntoGal, Edita de Lorenzo, quen lembra que, tras varios prazos de apertura progresiva, calquera empresa ou entidade interesada pode mercar xa o seu dominio. "O único requisito e que fomenten a cultura galega, non teñen que estar escritos totalmente en galego, aínda que si unha parte", explica.

Co obxectivo de captar máis xente -o recaudado polos dominios serve para financiar a Asociación PuntoGal- e para conmemorar a apertura do primeiro .gal na rede hai un ano, a entidade lanza este mes de maio unha promoción para facerse co dominio de forma máis barata. Ata o próximo día 31, o dominio autóctono galego poderá mercarse por un prezo máximo de 25 euros máis IVE.