Vella amiga de tantos anos xuntos. Señora Radio que hoxe celebra o seu día mundial, circunscrito neste caso ó seu papel como medio de salvación en catástrofes e emerxencias. Sentida, recurrente, amante en tantísimas horas compartidas. Horas íntimas, confidenciais. Horas nas que algún silencio dixo máis que calquera das mellores palabras. A Unesco soubo elexir e Galicia sabe por que. Porque Galicia, irmá, amiga, amante, sempre tivo e ten en ti a confidente. Mais tamén o mellor medio para se enterar do que acontece en cada instante.

Lembro compartir contigo os medos do Erkowit e os seus 2.000 bidóns de pesticida que algúns confundiron con fariña para amasar pan, os do Polycommander, os do Urquiola e a morte do seu capitán coruñés, os do ciclón Hortensia e as desfeitas que provocou en todo o territorio galego, os do pesqueiro Isla e os seus 14 tripulantes finados ao pé da casa nunha noite inesquecible; os medos a un problema que se dixo era nuclear motivado pola varada na praia do Rostro, en Fisterra, do Cason; os inzados na Coruña pola embarrancada ao carón da Torre de Hércules do petroleiro Aegean Sea (Mar Exeo), ou ese xinete mariño que foi o Prestige e que tinguiu de mouro todo o litoral galego...

Sempre estiveche ahí. Dicindo, orientando, informando. E ahí sigues e eu contigo, coma sempre dende hai máis de 60 anos, 45 deles tentando ser un pouco o que tí sempre fuche: veraz.

Hoxe, no teu día, Amiga Señora Radio, coa que nada poden os outros medios ou sistemas de comunicación, grazas por seguir sendo radio, amiga, confidente, amante.

Feliz día para tí e os que agora fan que sigas a ser.