Por que o nabo, a nabiza e o grelo son a trindade do galego? Por que din que as campás foron o primeiro medio de comunicación? Por que o hórreo resiste nun mundo global e supertecnolóxico? Para dar resposta a preguntas coma estas, a TVG estrea esta noite Por Algo Será!, un programa divulgativo que revisará as claves do patrimonio cultural que, durante séculos, conformaron o xeito de ser dos galegos.

Presentado pola actriz Beatriz Campos, con dirección e guión de Joaquín Pedrido, o programa está producido por Vudú Films. Cada semana, a reporteira de Por Algo Será! realizará unha rigorosa pero amena investigación sobre elementos do patrimonio material dos galegos, o gastronómico, o animal, ritos e misterios, mitos e lendas e costumes e comportamentos fondamente galegos.

Por Algo Será! comezará cunha primeira entrega dedicada ao polbo. Beatriz Campos falará con Xosé Rodríguez, Mané, cazador de polbos e co biólogo do Aquarium Finisterrae, Carlos García Soler, para descubrir que o polbo é un molusco con memoria, tres corazóns e varios cerebros que se atopa entre as especies que lograron sobrevivir aos dinosauros.

Campos visitará tamén a feira de A Peroxa, onde falará con Isaura González, dunha familia de polbeiros con máis de 150 anos na profesión.

E irá ao mosteiro de Oseira, onde a escritora Matilde Felpeto lle explicará como os monxes de Arcos "inventaron" o polbo á feira hai 500 anos.