O Pazo de Familia prepárase hoxe na Televisión de Galicia (TVG) para acoller a rodaxe dunha película de Hollywood. Mónica recibe unha cuantiosa oferta polo alugueiro da casa familiar, mentres que Leonor acepta de mala gana que se lle encha a casa de xente da farándula. Todo cambia cando sabe que planean rodar alí unha escena de sexo.

Emilio, pola súa parte, axuda intensamente na busca de Adrián, o irmán de Olalla, cuxa embarcación naufragou. A medida que se distancia de Sara, que segue sen lembrar a súa relación, achégase cada vez máis a Olalla.

Co pazo inmerso na rodaxe da película e con Marisiña intentando por todos os medios que lle dean un papel nela, aínda queda tempo para outra historia de amor. Trátase da que parece rexurdir entre Sara e Amancio.

'Cuestións persoais'

Por outra banda, a Televisión de Galicia (TVG) tamén emite hoxe unha nova entrega de Cuestións Persoais, o programa que axuda a afrontar situacións complicadas da vida, as coach Teresa e Nelly achéganse ata Riotorto para axudar a Sandra. Esta muller todoterreo está desbordada entre as obrigas do seu negocio e da súa casa. Asume demasiadas responsabilidades e está ao límite das súas forzas.

Coa axuda de Teresa e Nelly, Sandra comprenderá a necesidade de priorizar e concederse tempo a si mesma, o único modo de ser feliz, sen morrer no intento.