Ribeiras de salitre visita hoxe o porto de Barallobre, na ría de Ferrol, para amosar a súa actividade marisqueira e os seus oficios tradicionais. O programa da Televisión de Galicia (TVG) estará con Henrique Sainz, un historiador que falará da importante tradición mariñeira deste enclave. As súas xentes, sabedoras da herdanza, senten o orgullo de dedicarse aos diferentes oficios do mar. Isto é o que lle ocorre o mariscador Bañobre, que reivindica que se faga un plan de rexeneración para acabar coa polución que asedia a ría. Ademais, o mariscador Antonio Villar amosará no programa as ferramentas do marisqueo, que el adapta para cada persoa.

O espazo que dirixe e presenta X. H. Rivadulla Corcón tamén falará co biólogo Joam Luís Ferreiro, ao que acompañará á recollida das mostras de marisco para analizar. O experto falará da calidade do produto da ría de Ferrol e do traballo de recuperación se está a levar a cabo nunha zona en que non había actividade marisqueira.

Barallobre ten una confraría con moita xente nova incorporándose á actividade. É o caso de Míriam López, que, aínda non chega aos trinta anos e xa é toda unha experta mariscadora.

A música, neste programa, poñeraa Bellón Maceiras Trío, un grupo de acordeón diatónico, gaita e guitarra, que interpreta música tradicional galega dándolle unha volta para actualizala. E a comida serviraa o patrón maior Carlos Rey, que cociñará unha tortilla de berberechos, no porto á beira do mar.