Luar recibe hoxe á cantante andaluza Nuria Fergó, que saltou á fama na primeira edición do concurso Operación Triunfo e que presenta o seu último single Bailando bajo la lluvia. Xunto con ela estarán Felipe Garpe e os seus mariachis, cos que interpretará México lindo, e mais as pandeireteiras Xestreu, que presentan o seu novo disco, Non me toques a saia, en favor da igualdade e en contra da violencia machista. Cantarán coa artista un tema en galego. Tamén subirá ao escenario o cantante de reggaeton Henry Méndez .

Os espectadores bailarán así mesmo ao ritmo do grupo El guateque de la década, con música dos oitenta, e da orquestra Miramar, mentres que o toque de humor o poñerá o humorista galego Marcos Pereiro. No escenario tamén estarán os músicos franceses Matta Rouch e os acróbatas do dúo Ballance. Por outra banda, no concurso Recantos, que se atopa na fase final, exhibirán as súas voces Issiris, representando Galicia centro, e Ruth Cundíns, de Terras de Compostela. Ademais, a música galega chegará da man da Banda Sons e Soños de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei; a Agrupación Vai de Roda; as ex-recanteiras da formación Dúo Chic; a agrupación folclórica A Regionalista, e os cantantes Jota Santana, Tania Fuegho, Pili Pampín e Manuel De Andrade.