A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases das subvencións para a promoción e difusión do cinema galego en festivais e mostras de prestixio nacional e internacional celebrados fóra de Galicia entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2017.

A convocatoria ten como obxectivo apoiar as produtoras e creadores galegos na promoción internacional daqueles traballos que teñan sido seleccionados nalgunha das 38 mostras recollidas nas bases, que abranguen moi diferentes liñas de programación e xéneros cinematográficos. Nesta listaxe, que inclúe os 19 festivais clasificados pola Federación Internacional de Produtores Cinematográficos, figuran encontros tan recoñecidos como a Berlinale, Cannes, Karlovy Vary, Locarno, Biennale de Venecia, Mar del Plata, Toronto, Rotterdam, Bafici de Bos Aires, Sundance, Annecy, Clermont-Ferrand, San Sebastián, Cinema Jove de Valenecia, Sitges, Málaga, Sevilla ou a Seminci de Valladolid, entre outros.

O prazo de solicitude esténdese ata o 11 de agosto para a actividade levada a cabo naqueles eventos xa celebrados; e para os restantes, durante un mes desde que se produza a comunicación oficial por parte do festival, co 15 de novembro de 2017 como data límite.

Orzamento e contías

A Agadic reserva un orzamento inicial de 30.000 euros para estas axudas, ademais de establecer os importes fixos que poderá percibir cada solicitante segundo o festival e/ou sección no que sexa seleccionado, e que se sitúan entre 1.000 e 5.000 euros. Estas contías poderán destinarse, entre outros gastos, a campañas de publicidade da participación no encontro, elaboración e transporte do material de promoción específico, contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para o evento, desprazamento e estadía no festival dun máximo de cinco persoas do equipo, e tiraxe e/ou subtitulado das copias.