Bamboleo, o programa da Televisión de Galicia (TVG) da noite dos sábados, recibirá hoxe no escenario o grupo Café Quijano. Os irmáns de León presentan o seu novo tema, Perdonarme, que aspira a converterse nun dos éxitos do verán. Cun son diferente ao habitual e acompañados de Willy, do grupo Taburete, celebran o vixésimo aniversario da súa carreira artística con este adianto do seu novo disco, que sairá á luz en outono e que contará coa colaboración doutras bandas.

O espazo presentado por Xosé Manuel Piñeiro tamén ofrecerá a actuación do grupo A Cámara Lenta, que, con toques de pop e rock, melodías inesquecibles e ritmos emocionantes, fan que o público non pare de bailar.

O representante desta semana da música galega será Xabier Díaz, que formou parte de Rumbadeira, Nova Galega de Danza e Berrogüeto e que na actualidade compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional de Galicia.

Ademais, Bamboleo contará hoxe, coma cada sábado, coas súas seccións habituais. En Agora ou Nunca, dous participantes, Claudia de la Fuente e José Carlos Roig, amosarán os seus dotes artísticos. A primeira, interpretando Me soltaste, de Jesse & Joy, e, o segundo, con Amante Bandido, de Miguel Bosé. En a ITV do amor, o obxectivo será acertar cal é a verdadeira parella dunha determinada persoa.