O programa Luar ofrecerá esta noite unha completa e variada oferta musical, encabezada pola cantante, violonchelista e compositora Rosa Cedrón, unha das voces máis recoñecidas do panorama musical galego. Esta artista, fortemente vinculada coa música galega e cunha sólida carreira ás súas costas, comezou no grupo Luar na Lubre e agora continúa en solitario, cun segundo disco no mercado, titulado Nada que perder .

O espazo da TVG tamén recibirá esta noite a visita de Los Vivancos, compañía formada por sete irmáns e considerada o fenómeno escénico-musical dos últimos anos. Os seus espectáculos foron representados nos principais teatros do mundo e o recoñecemento ao seu labor viuse avalado non só pola crítica e o éxito das súas xiras, senón tamén polos numerosos premios recibidos.

Ademais, no escenario estarán a banda galega Igloo, con doce anos de traxectoria e seis discos ás súas, costas, recoñecida como un dos referentes do indie nacional, que acaba de presentar o seu novo disco, Aquellos maravillosos daños; e Máis boas cás patacas, grupo formado por sete alumnas do IES Cacheiras, que co tema Son muller, gañador do certame da Deputación da Coruña Quero Cantar, reivindican os dereitos e a igualdade para as mulleres.

Pero isto non é todo, xa que Luar ofrecerá as actuacións de El Regreso de la Década, que recolle o mellor da música española desde os anos 60 ata os 70; da orquestra La Fórmula; da A.C. Seixebra de Moraña, que ten como obxectivo revivir a cultura e a tradición galega, e a A.C. Amado Lar, que se preocupa por recuperar as tradicións propias da cultura popular galega, en especial as pertencentes á zona do Valadouro.

No programa desta noite tamén haberá representación da música asturiana, coa banda Gaiteros del Carbón, que pretende defender a minería desde a música, e a cantante Marisa Valle; e portuguesa, coa presenza do grupo de Viana do Castelo Sons do Minho, formado por oito mozos que basean a súa proposta artística nun repertorio de temas orixinais de cariz tradicional.