O espazo Pescadores de historias da televisión de Galicia (TVG) visita hoxe o porto do Barqueiro, que conta cunha longa tradición marisqueira. As súas mariscadoras recolleron sempre ameixa, sobre todo fina e xaponesa, pero desde 2010 están a comercializar ostra rizada, unha especie xaponesa que chegou ao Barqueiro despois dun traballo experimental. Este traballo foi abandonado sen resultados, pero a pouca ostra que quedou na ría reproduciuse e hoxe é o recurso máis importante para as mariscadoras do Barqueiro.

Isabel Rodríguez, a primeira convidada desta tarde, foi a presidenta das mariscadoras e coñece ben a orixe da comercialización da ostra. Nun principio foi un problema, pois invadiu as zonas da ameixa e para extraer esta era preciso sacar primeiro a ostra, que non se podía comercializar por falta de regulamento específico. O traballo das mariscadoras reivindicando un plan para a súa explotación fixo que a Consellería de Pesca lles permitira a súa comercialización. Agora a presidenta delas é Cristina Trasancos, que contará a situación actual.

Pola súa parte, Fina Murias explicará o esforzo que están a realizar para conseguir que se consuma a ostra que se colleita na propia zona, nas vilas próximas á ría do Barqueiro, xa que, a pesar de ser un recurso propio da ría, non está moi estendido aínda o costume de consumila.

O presentador de Pescadores de historias, Xosé H. Rivadulla Corcón, tamén falará con outras dúas mariscadoras que non levan moito tempo neste traballo, Patricia Díaz e Lorena Lamelas, que coinciden en destacar o goce persoal que lles proporciona seren mariscadoras.