Xosé Manuel Piñeiro volve hoxe á noite propoñer un programa adaptado a todos os gustos e públicos, en que o espectáculo e o entretemento serán os ingredientes principais. Nesta edición, Bamboleo recibirá a visita de Salvador Beltrán, o gañador do Festival da Canción de Viña del Mar de 2017. O cantante catalán, que ten o pop como o seu estilo principal, interpretará no programa algúns dos seus últimos éxitos, como No intentes amarrarme, Divina muerte e A veces me pregunto.

O espazo da TVG tamén ofrecerá, coma sempre, o mellor da música galega. Por unha parte, coa actuación da orquestra Compostela e, por outra, coa visita de Tania Veiras. A artista de Ordes falará dos seus novos proxectos e interpretará Xuntanza galega e un popurrí cos mellores temas de Ana Kiro.

Por outro lado, nas seccións habituais do programa, Agora ou nunca amosará o potencial artístico de Isabel González, co tema Tanto amor, de Shaila Dúrcal; e de Antonio Bertomeu, que interpretará México lindo y querido, de Jorge Negrete.

Ademais, na ITV do amor, o público terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; Chano e Enrique competirán cantando con karaoke en A Jrileira e parellas de distintas xeracións bailarán na sección Dirtidansi, nesta ocasión o chachachá e o valse vienés. O humor será parte principal no programa, cun concurso de chistes sobre solteiros e casados e cun xogo de cancións debaixo da auga.