Apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega é o obxectivo da nova liña de axudas á que a Deputación da Coruña destina un orzamento de 150.000 euros que saiu publicada onte no BOP e terá o prazo de presentación aberto ata o vindeiro 8 de maio.

"Consideramos que a publicación desta nova liña que une apoio á cultura e á lingua galega é unha moi boa noticia para o sector audiovisual mais tamén para a veciñanza porque facilitará o acceso a contidos audiovisuais na nosa lingua", explicou a responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, para quen a novidosa acción cultural busca poñer fin "á anomalía que é a dificultade de asistir á proxección dos contidos audiovisuais de altísima calidade que se están a producir na nosa lingua".

A axuda non poderá superar o 80% do orzamento subvencionable.