Luar chega este Venres Santo á súa cita cos espectadores da Televisión de Galicia (TVG) repleto de artistas e de momentos únicos nunha edición en que o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e María Mera renderalle unha homenaxe a Juan Pardo. A maior parte dos artistas que actuarán esta noite interpretarán temas do coñecido cantante galego. Procedente de Vilaboa, a audiencia do musical da Galega coñecerá tamén a Lito, o gañador dos 10.000 euros acumulados no bote do concurso telefónico.

Cómpre salientar, ademais, que Luar contará coa presenza de Pasión Vega, que acode ao espazo para presentar o seu novo disco 40 quilates. Nos temas deste traballo, a artista malagueña expresa a súa madurez e experiencia adquirida nos máis de 20 anos de carreira.

Pero, sen dúbida, quen será protagonista hoxe é Juan Pardo. Coñeceranse momentos da súa vida e lembraranse éxitos como Xirarei, Cando te namores, Quen puidera namorala, A fala-falade galego, Nova Galicia, En pé ou Por que me tes bicado.

Neste senso, cantarase a maiores Flamenco, todo un referente para o cantante homenaxeado, xa que esta canción, que mestura aires flamencos e o pop do momento, causara un grande impacto e tivera un éxito inmenso. Aínda que os seus membros fundadores xa non están na actual banda, esta noite estará en Luar Los Brincos, da que forma parte Miguel Morales, irmán de Junior, inmersa este ano en plena xira para levar as coñecidas melodías e o estilo singular do grupo por toda España.

Nun especial destas características non podería faltar a súa filla Lys Pardo, que segue os seus pasos no mundo da música, e interpretará unha das cancións de seu pai favoritas. Tamén acudirán a Luar con temas de Juan Pardo, Mar Davila, Xil Ríos, Xosé Manuel Piñeiro, Tania Fuegho, Manuel Deandrade, Mar Davila, Guillermo Castro, Julia Lascu, e os ex-recanteiros Antonio Barros, Marietta, Ruth Cundíns e Maite.

As actuacións desta noite completaranse co baile tradicional de Ultreia, coa danza de Firefeathers, cos Pandeireteiros do Forrollo e cunha nova edición do certame Vai de Baile, en que se enfrontarán Repichoqueiros de Teixeiro e Xibreiros de Ames.