O Consello da Cultura Galega (CCG) ten todas as papeletas para vivir hoxe unha xornada histórica: o acceso á presidencia dunha muller, a catedrática de Filoloxía Rosario Álvarez, que se postula como única cabeza de lista a dirixir o ente que botou a andar en 1983 baixo o timón do galeguista Ramón Piñeiro.

O pleno do CCG votará esta tardiña un único punto da orde do día: a elección da nova presidencia da institución, trala finalización do mandato de Ramón Villares. A única candidatura presentada é a de Rosario Álvarez Blanco, que se constituiría como a primeira presidenta do ente cultural galego. Nada en Pontevedra o 12 de xullo de 1952, é licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde é catedrática na área de Filoloxía Galega e Portuguesa. Foi vicerreitora de profesorado da USC -cando coincidentemente o ata hoxe presidente da CCG, Ramón Villares, era reitor-, directora do Departamento de Filoloxía Galega e directora do Instituto da Lingua Galega, entidade á que pertence desde 1974 e na que agora so consta como "membro da comisión permanente" na súa páxina web.

De todos os xeitos, o probable nomeamento de Rosario Álvarez como presidenta conlevará que haxa un novo representante do Instituto da Lingua Galega (ILG) no plenario, segundo confirman fontes da institución. Quen acompañará na comisión executiva a Álvarez? Un máximo de sete compoñentes, que serán refrendados noutra sesión polo plenario.

Ademais, a persoa que presidirá o CCG ten que someterse previamente a unha audiencia parlamentaria, ante a comisión de Cultura.

Liñas de investigación

No académico, as liñas de investigación de Rosario Álvarez seguen tres eixes: o estudo da gramática descritiva da lingua galega, cunha perspectiva sincrónica mais con atención á historia da lingua galega e á gramática contrastiva portugués-galego; tamén o cambio lingüístico, tanto no galego actual coma no antigo e medio; e a edición e estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ao Rexurdimento. Álvarez é investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega (RAG), na que é académica desde o ano 2003. Ademais, a candidata a presidir desde hoxe o Consello da Cultura Galega é directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués.