A filóloga, poeta e narradora Emma Pedreira (A Coruña, 1978) acaba de gañar o Premio Xerais de Novela 2018, pola obra titulada Besta do seu sangue, unha historia inspirada na figura do psicópata Romasanta e co fondo dunha revisión xenérica de figuras da mitoloxía galega. A autora forma parte da denominada Xeración Poética dos 90 e é membro da Plataforma de Crítica Feminista A Sega. O xurado resaltou que a obra supón unha proposta "de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros". Ao tempo, salienta o uso dunha linguaxe poética e a transparencia que repousa na transmisión dunha atmosfera de desacougo e angustia ao abordar, con orixinalidade dita historia.

Kusuma de Héctor Cajaraville resultou meredora do Premio Merlín de Literatura Infantil. Non é a primeira vez que Cajaraville (Santiago, 1974) obtén un premio: en 2015 xa gañou o Premio Xerais coa súa primeira novela, De remate. O xurado sinalou que Kusuma é "unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán asiática obrigada a fuxir da agresividade do mundo industrializado. A fábula critica tamén o rexeitamento das poboacións inmigrantes, e reivindica o respecto ás diferenzas". Pola súa banda Aplicación instantánea de Carlos Negro (Lalín, 1970) obtivo o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. O xurado premiou a obra por, entre outras razóns, a orixinalidade, a calidade literaria, a forza da linguaxe e a súa riqueza, a posta en valor da figura feminina e o seu empoderamento, así como da cultura e lingua galegas.