O programa A Revista estará hoxe no restaurante Yayo Daporta, en Cambados. Dende alí porase o foco no libro Receitas para o recordo, que busca facer que as persoas con alzhéimer lembren a través da gastronomía. Dise que os sabores e as receitas da infancia poden axudar a facer memoria. Ademais, preténdese con este libro e proxecto recuperar pratos tradicionais.

Tamén relacionado co eido da gastronomía, o programa estará en Trasmontes, onde se está a buscar a mellor carne de vacún do mundo. O espazo estará en directo amosando a cría e preparación de ata catorce razas de vacas. A Revista falará en directo cos organizadores e con expertos do mundo bovino.

Ademais da gastronomía, o deporte será tamén protagonista en A Revista de hoxe. Estará no estudio de gravación Paula Valdés, que, con só 11 anos, é unha eminencia no mundo das artes marciais. Campioa do mundo de karate, tamén adestra kick boxing ou muai thai.

Na sección de Os segredos mellor gardados, Carmiña Blanco falará dun equipo de investigación galego que acaba de descubrir un dato importantísimo arredor dunha das enfermidades do cerebro máis temidas grazas a unha tecnoloxía única en España para esta aplicación médica. Por último, Moncho Lemos falará das novidades da carteleira.