Síguenos en redes sociales:

Adeus ao escritor Xabier P. Docampo, Premio Nacional de Literatura Infantil

A literatura galega despide a un contador de historias "curtido ao lume da lareira - A Deputación coruñesa e os concellos da Coruña, Oleiros e Culleredo lembran ao autor

O escritor e mestre Xabier P. Docampo (Rábade, Lugo, 1946), finou onte no concello coruñés de Cambre onde residía hai anos e desde onde compaxinou a docencia coa súa faceta de literato, director de teatro, guionista de radio e televisión e promotor da lingua galega. Os seus achegados recoñeceron que hai anos que enfrontaba unha grave enfermidade e o mundo da cultura galega, que xa amosou o seu sentido pesar, acudirá hoxe a despedilo no tanatorio Servisa de Coruña.

Foi "un gran contador de historias", que seducía coa palabra que aprendera a conxugar ao lume dunha lareira, ou no campo, dos contos que lle contara o seu pai. Aínda que moitos galegos coñeceron a Xabier P. Docampo polo libro que lle deu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Cando petan na porta pola noite (1996) unha xeración de lectores adolescentes achegáronse á literatura galega grazas a O misterio das badaladas, que saíra ao prelo dez anos antes. Docampo tamén foi merecedor do White Ravens en 1997 e 2005.

Integrante da Xeración Lamote con Agustín Fernández Paz e Paco Martín -autor Das cousas de Ramón Lamote- por seren da Terra Chá, fundadores da Nova Escola Galega e premios Nacional de Literatura infantil e xuvenil. "Quedarán como un referente na historia literaria galega, tanto pola súa dignidade moral como por instaurar a literatura infantil e xuvenil galega no postfranquismo", indicou onte o editor Manuel Bragado. "Todos os relatos se fan esfiañando a vida", dixo Docampo na presentación do seu último libro A nena do abrigo de astracá, considerado o mellor libro de narrativa do ano pasado na Gala do Libro Galego.

O labor que levou a cabo no ámbito pedagóxico enmárcase na Nova Escola Galega. Sempre vinculado á renovación pedagóxica, foi coautor de guías para a aprendizaxe da lingua galega e durante oito anos integrou o equipo de Preescolar na casa, ao tempo que pertenceu ao consello de redacción da Revista Galega de Educación.

Para a escritora Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo "elevou á categoría de arte a narración oral". A autora e amiga coincidiu no camiñar con Xabier. En dúas ocasións de xeito literal: facendo o Camiño de Santiago e para acudir a unhas conferencias en Caracas. Desde esas lembranzas falaba onte Casalderrey. "O becho levouno antes de tempo", lamentou a escritora sobre a doenza que sufriu o escritor.

Pola súa banda, a autora tamén Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Ledicia Costas lembrou un discurso do finado, no que afirmou que "ler é procurar onde nace a liberdade". "Xabier foi un dos máis grandes e leais defensores da nosa lingua. Un home que amaba os contos como os soños. Seguirá vivo cada vez que abramos unha das súas obras", indicou.

Mentres, o escritor Manuel Rivas valorou: "O que ten a boa literatura é a condición de terra comunal. Era consciente desa condición e súa herdanza é unha sementeira de quen traballou con man sincera, ollada fértil e un humor que nos agasalla esperanza, esa realidade intelixente que traspasa a morte".

A Deputación da Coruña manifestou o seu pesar pola norte do escrito, ao que calificou como "un dos autores máis sólidos da literatura galega e defensor da normalización da nosa lingua". O autor recibiu en 2016 o VII Premio de Lingua Rosalía de Castro do organismo provincial. A vicepresidenta do ente, Goretti Sanmartín, sinala que o seu legado "de dignidade e confianza no noso país" é "unha extraordinaria herdanza para as vindeiras xeracións".

A comarca da Coruña tamén tivo palabras de lembranza para Xabier P.Docampo. O Concello de Cambre, onde foi mestre e director do centro Emilio González López de Brexo-Lema descríbeno como un "incansable colaborador desinteresado" coa cultura do municipio e coa difusión do libro e da lectura, sobre todo entre a mocidade e os cativos. A biblioteca da Barcala leva o seu nome. En términos semellantes expresouse o Concello de Culleredo, que lembrou a súa estreita relación co ámbito cultural do municipio. Oleiros manifestou a súa "tristura" polo pasamento deste "referente ético" e rememorou como transmitía "a súa paixón pola lectura" nas súas visitas aos centros culturais oleirenses.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, quíxolle dar "grazas por tanto". "Quedas impreso nas túas letras, a través das cales seguirás ensinando a futuras xeracións a ler e a sorrir na nosa lingua", escribiu nas súas redes sociais.

Pulsa para ver más contenido para ti