Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Cuba, Ecuador, Estados Unidos, México, Marrocos, Singapur, Xapón, Alemaña, Bélxica, Inglaterra, República Checa, Croacia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Rusia, Suíza e das comunidades de Andalucía, Cataluña, Madrid, Estremadura e País Vasco. De todas esas procedencias chegaron os oitenta alumnos dos Cursos de lingua e cultura galegas Galego sen fronteiras, que aterraron en Santiago a pasada semana para mergullarse na cultura galega ata final de mes.

"Na época na que se esculpiu o Pórtico da Gloria -cuxa restauración foi presentada un par de horas antes- e igual ca hoxe, Santiago recibía persoas chegadas de moi lonxe", sostivo o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes. "Abrimos os nosos brazos para que poidades visitarnos", engadiu aos que serán no futuro "os nosos embaixadores alí onde esteades". "Vós enriquecedes a nosa lingua, porque unha lingua son os falantes", concluíu Freixanes.

Os encontros foron inaugurados en Santiago de Compostela cun acto de benvida aos estudantes de vinte e catro países de Europa, América, Asia e África e os estudantes estarán ata o 24 de xullo, con clases teóricas e prácticas de lingua e literatura galegas, combinadas con relatorios que ofrecerán unha visión plural da cultura do país a través das olladas de profesionais do mundo do teatro, a poesía, a divulgación científica ou os medios de comunicación, excursións e obradoiros ou roteiros sobre a tradición musical.

Benvida ao alumnado

A Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela coorganizan esta iniciativa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; os codirectores dos cursos, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e o director do ILG e académico, Xosé Luís Regueira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei; e o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane, recibiron os estudantes no acto de apertura celebrado na Facultade de Filosofía da institución académica compostelana.