O programa Larpeiros festeiros da Televisión de Galicia (TVG) continúa viaxando a algunhas das festas gastronómicas máis senlleiras de Galicia para cociñar nas rúas e prazas os pratos homenaxeados. Nesta ocasión, aproveitando a XXVI Festa do Percebe do Roncudo, Benigno e Adrián visitan Corme para gozar da gastronomía, descubrir a vila e conquistar o público con cousas ricas. Na praza de Ribeira, os veciños xuntaranse arredor da cociña do programa para tomar boa nota das súas receitas, contar contos, cantar e, por suposto, probar o resultado. Na súa particular homenaxe ao percebe do Roncudo, prepararán uns percebes con cachelos e uns percebes á tixola con puré. Ademais, o máis aventureiro dos Larpeiros acompañará unha esixente percebeira de Corme nunha dura xornada de traballo para coñecer este prezado marisco.

A sobremesa virá da man dunha Larpeira diplomada ben noviña e a súa avoa, que sorprenderán cun biscoito de millo e chocolate.

Pola súa banda, o programa Sopa de Festa continúa este martes ofrecendo unha das celebracións gastronómicas máis destacadas que hai espalladas polo noso país. Esta noite achegará a Festa do Polbo de Mugardos.