A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán volveu vestirse de gala onte na celebración do 167 aniversario da escritora, nada o 16 de setembro de 1851. A velada de homenaxe á autora, celebrada o ano pasado por primeira vez grazas á colaboración da Casa-Museo e Marineda City, trouxo de novo ao século XXI o espírito dos encontros literarios que a propia Emilia Pardo Bazán organizaba no seu fogar.

O centro comercial que leva o nome literario que a escritora lle deu á cidade da Coruña patrocinou o encontro, conducido polas actrices de Inversa Teatro no seu papel de mulleres ilustradas da época, que fixeron con humor constantes referencias á homenaxeada. Neste marco entregáronse os premios de relato breve e fotografía do I Concurso Iconografías sobre Marineda aos gañadores, Eva Castro, Andrés López Docampo e Luis Vázquez Álvarez, e servíronse os petiscos elaborados polo chef Javier Rodríguez Ponte Taky inspirados no receitario de Emilia Pardo Bazán.

O presidente da Real Academia Galega (RAG) e director da Casa-Museo, Víctor F. Freixanes, salientou que a institución que preside estará sempre agradecida á persoa de dona Emilia Pardo Bazán e aos seus herdeiros. "Grazas a eles a nosa institución goza dunha situación digna na cidade da Coruña, na casa grande da rúa Tabernas", salientou Víctor Freixanes.