A Televisión de Galicia (TVG) abre hoxe O Caderno de Isabel, un programa en que a cociñeira Isabel Prada percorrerá as vilas galegas buscando as receitas máis tradicionais do lugar, amosando os seus ingredientes e, sobre todo, como se preparan. Con ela, os espectadores cociñarán e coñecerán os segredos das receitas, coma unhas ricas fabas de Lourenzá, un botelo do Barco ou unhas ameixas á mariñeira.

Este novo programa é unha aposta pola gastronomía galega no seu sentido máis tradicional. Con este formato, percórrense diferentes territorios de Galicia buscando a cociña que xeracións anteriores á nosa preparaban á hora do xantar e que aínda hoxe forman parte da idiosincrasia deses lugares. Isto supón afondar na busca das materias primas para a preparación deses pratos, relacionarse cos veciños que conservan esas tradicións culinarias e, por suposto, dar a coñecer moi de preto a comarca ou bisbarra correspondente.

O Caderno de Isabel é unha viaxe por etapas, percorrendo o territorio galego e contando fundamentalmente a contorna física, histórica e humana dos pratos máis tradicionais e característicos. Os espectadores verán os pratos tradicionais de Galicia, os lugares onde se producen e as persoas que dominan a arte de facelos. E tamén compartirán o pracer de comelos. Asados, guisos, empanadas, caldos, potaxes, arroces, fideos, fritadas? que teñen sempre detrás unha paisaxe, unha historia e unhas xentes amantes das súas tradicións.

Isabel deprazarase en coche na busca do prato perfecto que combine historia, contorna, produto e evolución. En cada programa, visitará un lugar, coñecerá un prato tradicional vinculado ao territorio e terá o pracer de cociñalo e probalo da man das xentes que irá coñecendo en cada comarca. O Caderno de Isabel non é simplemente un programa sobre receitas, senón sobre as persoas, os lugares, as historias, as paisaxes, os cociñeiros, as cociñeiras, os produtos e o pracer de probalo todo.

Na primeira folla de O Caderno de Isabel quedarán anotadas receitas procedentes de Arzúa, Vila de Cruces e Santiso. O programa visita hoxe o corazón de Galicia, o centro xeográfico que discorre aos dous lados do río Ulla e que divide as catro provincias galegas. É aquí onde non van faltar os galos de curral de Vila de Cruces, o queixo D.O. Arzúa Ulloa, o mel producido no centro de Galicia, as troitas de río ou algunha sobremesa que fai acto de presenza todos os domingos nas mesas dos arzuáns.

Para isto, Isabel percorrerá varios quilómetros no seu pintoresco coche, ao que irá subindo diferentes veciños dos arredores do encoro de Portodemouros. Finalmente, todos eles serán convidados a degustar os pratos elaborados durante o programa nunha xuntanza final cunha escena bucólica que non deixará indiferente a Isabel.

Momentos como a subida á barcaza que atravesa o pantano desde Beigondo ata Loño desde hai 40 anos ou a recollida de plantas aromáticas cultivadas ao pé do Camiño de Santiago para aderezar un galo de curral fan deste programa un formato televisivo gastronómico diferente.