A Real Academia Galega (RAG) lamentou onte o pasamento de Giulia Lanciani, catedrática de literatura portuguesa e brasileira no Departamento de literaturas comparadas da Università Roma Tre e membro de honra da institución. Lanciani era un referente da filoloxía románica como investigadora da lírica medieval galego-portuguesa. A profesora tamén se interesou polas literaturas contemporáneas de Brasil, Portugal e Galicia, e xogou un papel fundamental na promoción da cultura de noso no contexto italiano.

Ingresou como membro da RAG no ano 2014 cun discurso sobre a conservación e a transmisión do corpus lírico galego, no que evocou como viaxaron de Portugal a Roma as cantigas trobadorescas a través dun códice manuscrito que copiou o humanista Angelo Colocci. Na súa alocución advertía que canto máis se avanza no estudo dos cancioneiros e da tradición manuscrita máis se pode afirmar que a lingua en que estaban escritas as cantigas chamadas galego-portuguesas non era o portugués, nin o "galego-portugués", senón máis sinxelamente o galego: un galego lingua común da lírica medieval peninsular".