A música galega acudirá á vixésimo sexta edición do Celtic Connections coa maior representación que nunca houbo no cartel de concertos do certame. Os organizadores sempre facían unha chiscada á nosa música e adoitaban contar cun par de artistas da nosa terra e ao longo do tempo algúns dos nosos músicos máis destacados viaxaron ata Glasgow para dar concertos, Nesta ocasión decidiron realizar unha edición tendo a Galicia como convidada especial e a Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), realizou unha convocatoria pública para que os músicos interesados en participar no festival presentasen os seus proxectos para poder formar parte das actuacións programadas dentro do espazo Showcase Scotland. Foron os organizadores os que elixiron os artistas que lles pareceron máis interesantes entre os que se presentaron.

Celtic Connections sempre é un bo escaparate para dar a coñecer unha proposta, posto que hai un bo número de programadores asistindo para tomar nota do que lles chama máis a atención. O amplo abano de intérpretes galegos que se desprazarán á capital escocesa vai dar unha boa mostra do que se está a facer hoxe en día na música de raíz do noso país. Os participantes son A Banda das Crechas, Anxo Lorenzo, Mercedes Peón, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, a orquestra folk SondeSeu, Talabarte, o dúo Mónica de Nut-Luís Martíns e as Tanxugueiras, que participarán como convidadas da banda Blazin' Fiddles. Algúns deles xa saben o que é actuar neste importante festival. Entre os escollidos hai varios gañadores do PREMIO OPINIÓN ao mellor disco do ano.

O violinista Quim Farinha terá traballo por duplicado, xa que é membro da Banda das Crechas e Talabarte. Cando formaba parte do grupo Dhais actuaron na primeira edición do Celtic Connections "e fomos os que fixemos a primeira actuación que se escoitou neste festival". Despois pisou o escenario en Glasgow con Berrogüetto e esta será a cuarta vez que vaia coa Banda das Crechas. "Esa formación xa é coma un referente do festival e coñecen ben o que facemos. O ano pasado levamos de convidadas ás Tanxugueiras". Para o trío Talabarte será a primeira oportunidade de confrontar a súa música co público "e temos moita ilusión. Para esta cita presentamos un proxecto especial no que estamos acompañados na percusión polo bretón Dominique Molard". Para Farinha este festival "é un referente moi importante e sempre contou con artistas galegos. Pode ser unha boa plataforma de lanzamento para a nosa música. Ten unha oferta de concertos brutal e custa decidir onde ir. Eu terei que saír a fume de carozo da actuación de Talabarte para subirme ao escenario coa Banda. Eu xa lin en algures que estaba considerado como o festival de inverno, de calquera tipo de música, máis importante de Europa".

Máis escenarios escoceses pisará Mónica de Nut, posto que forma parte da banda de Mercedes Peón, actuará co dúo que ten co arpista Luís Martíns e é unha das dez compoñentes da banda Tosta, un grupo de música folk formado por músico de sete países que xurdiu no ano 2016. A cantante nunca estivo no festival "e agora que vou fágoo ao grande. Mercedes xa ten un nome e Tosta tamén foi gañando notoriedade. O que me fixo moita ilusión é que lles gustase o dúo que formo con Luís. Encantoume que valorasen algo diferente e decidisen optar por unha proposta tan persoal, xa que é interesante ofrecer variedade nunha programación".

O gaiteiro Anxo Lorenzo móvese con total naturalidade no mundo da música céltica, non en van leva moitos anos participando nos festivais máis importantes, xa sexa coa súa banda ou como solista. Xa tocou en varios escenarios nos que se desenvolven os concertos do Celtic Connections e lembra que a primeira vez que estivo alí "fun como convidado da gaiteira Kathrin Tyckell. Despois estiven máis anos, colaborando con outros colegas ou indo coa miña banda. Agora presentarei o meu novo disco nunha sala con capacidade para mil persoas". Para o moañés "este é o festival celta máis importante do mundo. Paréceme un escaparate moi bo e unha grande oportunidade para dar a coñecer a miña proposta. Co paso dos anos foi medrando moito en orzamento e conta con bos apoios financeiros, tanto de institucións como de empresas privadas".