Dez centros escolares de Galicia incorporaron por primeira vez neste curso os Espazos Maker, unha acción da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, para fomentar as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre o alumnado. Os Espazos Maker foron concibidos como zonas específicas dentro dos centros escolares, dotadas cos medios tecnolóxicos necesarios para que o alumnado poida materializar a súa creatividade a través de proxectos propios de experimentación, isto é, aprender facendo. Cada un destes centros recibe unha achega de 2.000 euros da Consellería para poñer en marcha o seu espazo, así como unha dotación de material específico que inclúe un equipo de procesado audiovisual (con estación de procesado, pantalla grande e dúas tabletas), equipamento audiovisual (cámara dixital de foto e vídeo con obxectivos intercambiables e trípode, trípode de alta estabilidade, gravador de audio, cascos auriculares, sistema de gravación completo, equipo multifunción color tamaño A3 e escáner 3D), e mobiliario metálico (composto por carro para desprazar pequena equipación e banco de traballo ou superficie fixa de traballo para maquinaria). Os centros que estrearon esta iniciativa son Sofía Casanova (Ferrol), Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame), Arcebispo Xelmírez II (Santiago), Monte das Moas (A Coruña), Isaac Díaz Pardo (Sada), A Pontepedriña (Santiago), Porto do Son (Porto do Son); A Xunqueira II (Pontevedra), República Oriental do Uruguai (Vigo) e Primeiro de Marzo (Baiona).