O presentador e director de Ribeiras de salitre, X. H. Rivadulla Corcón, achegarase hoxe ata un porto con oficios cunha longuísima tradición, o de Raxó, cunha confraría que conserva artes que naceron en tempos remotos, como o racú, o boliche, o bou e tamén o marisqueo a flote e a pé, os trasmallos ou miños. Esta confraría conta con 125 socios e as especies máis capturadas son a ameixa, a centola e o choco. En Raxó comprobarase como a tradición e o futuro se fusionan perfectamente.

Falarán para o programa da Televisión de Galicia (TVG) Joaquín Míguez e o seu fillo Héctor, xa que traballan a arte do boliche, que na súa orixe se traballaba desde as praias. En Raxó a variedade de oficios é grande, pode que aquí se traballen todos os que se denominan oficios menores. E quen ten traballado moitos deles é Iago Tomé, co que navegará co equipo de Ribeiras de salitre.

Elena Padín e Paz Martínez andan na seca á busca da ameixa. As dúas levan xa anos no marisqueo e, ademais de falar do oficio de mariscadoras, falarán da vida da muller do mariñeiro, do que traballa en altura, e pasa moitos meses no mar fóra da casa. No peirao soará a musica das Cantareiras de vides novas, rapazas novas que aman a musica tradicional galega.

Nun porto onde se traballan tantos oficios de redes, o traballo das redeiras é fundamental, as atadeiras como se lles chamou tradicionalmente, como é o caso de Sinda Casais, atadeira desde moi nena. Finalmente, o programa conversarase con Gena Silva, unha muller mariña, que traballa embarcada a diferentes oficios e tamén no marisqueo a pé.