A Televisión de Galicia (TVG) ofrecerá esta noite o programa especial A noite de Superpiñeiro, que lles permitirá aos espectadores coñecer un pouco mellor un dos presentadores estrela da historia da canel autonómica galega, ver algunhas das súas mellores actuacións musicais e percorrer con Xosé Manuel Piñeiro os diferentes momentos da súa carreira profesional na Galega.

Coa intervención de amigos e compañeiros do mundo da televisión e tamén do mundo académico, coñecerase un pouco mellor o Piñeiro mestre e o Piñeiro amigo. Antigos compañeiros da Universidade Laboral de Ourense, onde traballou, colaboradores de moitos dos seus programas, tanto da Radio Galega coma da Televisión de Galicia, e artistas e músicos amosarán un Xosé Manuel Piñeiro descoñecido polo seu público.

Diana Nogueira, Paula Pérez e Isi lembrarán o seu paso polo mítico Supermartes. Sonia López, Inma Morandeira e Juan Fuentes falarán da época do Acompáñenos. Lucía Pérez, Tonhito de Poi e Sevi Martínez contarán as súas experiencias con Piñeiro en programas coma Téquele, Téquele ou Tequelexou. Tamén, do seu papel coma xurado no concurso de Recantos de Luar, darán testemuña Tania Fuegho e Manuel De Andrade, Xosé Ramón Gayoso e moitos máis amigos e compañeiros que quixeron falar da súa relación con Pi.

En definitiva, moitos colaboradores e amigos para coñecer un pouco mellor a traxectoria persoal e profesional do gran Superpiñeiro. Todo isto salpicado con diferentes actuacións musicais dun grande artista, coas que a audiencia da canle autonómica galega gozará A noite de Superpiñeiro.

Superpiñeiro deixou temporalmente a pequena pantalla o pasado outono por mor dun cancro. O mesmo presentador allaricense falou abertamente da súa enfermidade no programa Luar. O condutor televisivo anunciaba así nun dos programas de máxima audiencia da cadea pública que debía retirarse de diante das cámaras por culpa dun mieloma múltiple. Claro e directo, para "evitar especulacións", tal e como el mesmo indicou.