O amor xorde no momento e no lugar máis inesperado, como é o caso de Bea e David, que namoraron nunha cafetería do barrio vigués de Coia mentres discutían de fútbol. Os protagonistas desta nova entrega do programa Casamos! da Televisión de Galicia (TVG) apostaron pola súa relación desde o primeiro momento: en menos dun ano xa estaban vivindo xuntos coas fillas de David. E Bea pasou de ser unha moza trouleira a converterse en cabeza de familia. Agora queren dar un paso importantísimo nas súas vidas e van pasar polo altar. A súa voda, que terá lugar en Vigo, non deixará ninguén indiferente, non en van está ambientada na serie Juego de tronos. Bea e David van ser converterse por un día nos reis no Norte.

Por outra banda, o espazo Adi viña quen vén esta tarde, tamén da TVG, aterrará hoxe na localidade de Vilagarcía de Arousa para pasar a tarde cos seus veciños. O set do programa estará instalado no paseo marítimo da praia de Compostela, o areal urbano de Vilagarcía, cheo de xente estes días de sol e calor.

O programa presentado por Lucía Rodríguez e Fran Cañotas contará con gastronomía, da man do restaurante La Malquerida, con pratos mariñeiros para esta época de verán. No apartado gastronómico non podía faltar o produto estrela da zona: a ameixa do Carril. As mariscadoras contarán por que este molusco é un dos mellores de Galicia.

A música virá da man da recanteira do lugar, Bene Nogueira, e a danza galega, coa Perla de Arousa. Tamén se falará de deporte, concretamente, dun dos equipos de rugby máis coñecidos de Galicia, como son Os Ingleses, cunha representación no programa dos seus xogadores. Adiviña quen vén esta tarde tamén amosará as pezas de artesanía de Mar Barral, que traballa coa cerámica máis tradicional. Ademais, o magazine da canle autonómica galega estará en Santiago para vivir a semana grande das Festas do Apóstolo e amosará a beleza da Illa de Arousa. Finalmente, o personaxe famoso da xornada será unha das cantantes máis lonxevas da música galega.

A Revista comezará a semana achegándose a Ourense para coñecer a un cesteiro e saber máis sobre como traballa. O espazo tamén conectará co Museo do Viño, recén inaugurado en Santo André de Camporredondo.