O equipo do programa Ribeiras de salitre da Televisión de Galicia (TVG), capitaneado por X. H. Rivadulla Corcón, diríxese hoxe ata o Grove, onde se traballa o mar a través de diferentes artes pesqueiras. Arte marisqueiro, nos traballos no mar, na lonxa, arte da salga, dos carpinteiros de ribeira e das colareiras. Confraría con espírito artístico a do Grove, á que están asociados 600 homes e mulleres, das cales 400 son mariscadoras a pé, o resto traballan as artes menores e o cerco, e conta cun importante polígono bateeiro.

Na zona marisqueira, o espazo atoparase a Lisi García, María José Castro e Tete Otero, que aínda van empezar unha xornada dedicada á limpeza de algas, un traballo duro polo que as mariscadoras non cobran. A cualificación de artes menores só ten un valor administrativo, pois é evidente que polo traballo e polo que representan para a cultura do mar e para as familias mariñeiras son artes esenciais dun gran valor económico, cultural e sentimental. Para falar disto contarase co mariñeiro Feliz Piñeiro.

Na lonxa conversarase con Milo Galiñanes, que fai xa 30 anos traballando nesta lonxa. Sempre que se acode ao porto do Grove cómpre visitar o Museo da Salga e gozar co bo facer musical da asociación cultural Cantodorxo. A continuación, o espazo acudirá á casa da mariscadora Isaura Ferro, que cociñará unhas ameixas en escabeche. Seguindo coa arte mariñeira, hai que ter en conta os carpinteiros de ribeira, os sabios construtores das embarcacións que son o centro da cultura mariñeira, e, para iso, falarase con Pepe Garrido. Tamén a arte das colareiras do Grove é un dos sinais de identidade da cultura do mar no Grove. Cunha das súas representantes, Montse Betanzos, que aprendeu o oficio da súa nai Meis Cacabelos, coñecerase máis a fondo esta manifestación artística.

Por outra banda, as celebracións dos Milagres, que esta fin de semana enchen Galicia de paixón e devoción, serán as grandes protagonistas do Vaia troula, tamén na TVG. A mestra de cerimonias, Nieves Rodríguez, vivirá con todos os espectadores da canle autonómica o día dos Milagres desde o santuario de Baños de Molgas. Alí acudiron durante toda a fin de semana milleiros de devotos para facer as súas ofrendas á Virxe dos Milagres.