A Revista da Televisión de Galicia (TVG) interesarase hoxe polo comezo do xuízo do caso Diana Quer. Para tratar isto contarán coa avogada Ana Camiño e as xornalistas Carla Reyes e Patricia Abet no estudio de gravación. Ademais, estarán en directo desde onde se celebra o xuízo, na Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago.

Por outra parte, afondarán nunha enfermidade cerebrovascular, o ictus, a que máis mulleres mata en España. O ano pasado rexistráronse 15.382 mortes por esta causa, a primeira na poboación feminina. Para coñecer máis sobre esta problemática contarán con dous expertos no estudio: o médico Ignacio L. Balboa e a neuróloga do CHUS Susana Arias. En directo, tamén estarán desde a Asociación de Dano Cerebral Adquirido (Adaceco) na Coruña para falar con algunha afectada.