A raíz da crisis sanitaria que estamos vivindo e o plan de alerta declarado polo Goberno, a Asociación Galega de Anestesioloxía, Reanimación e Dor envía unha mensaxe de apoio e confianza a cidadanía. Estamos aquí para coidarvos. Estamos aquí para axudarvos.

Todos sabedes que estamos nos quirófanos para que durante a cirurxía non teñades dor, para que o voso corpo non sufra ningún dano tras a agresión cirúrxica, para poder voltar cedo ás vosas casas recuperados e reiniciardes unha vida normal.

Pero tamén estamos aquí para coidarvos das enfermidades graves nas Unidades de Coidados Intensivos. Si, entendestes ben. Os médicos que coidan aos pacientes nas Unidades de Coidados Intensivos despois dunha operación cirúrxica somos os anestesiólogos. Iso significa que estamos preparados para atendervos cando a situación sexa grave. Se a saúde empeora e o risco aumenta, aí estamos nós para ofrecervos os coñecementos dunha especialidade médica que actúa de día e de noite. Sempre dispostos a resolver en poucos minutos calquer emerxencia.

Somos anestesiólogos, somos médicos, somos especialistas para coidarte. Para coidarte cando teñas que operarte. E tamén para coidarte cando teñas unha enfermidade grave que te obligue ingresar en Coidados Intensivos. Se isto ocorre durante a infección polo coronavirus, aí estaremos nós. Esa é a nosa especialidade. Médicos nos que podes confiar e que loitaremos cada minuto durante esta pandemia que tanto nos preocupa.

Por eso desde a asocación queremos que coñezades que estamos aquí. En Galicia, máis de 500 médicos anestesiólogos poñemos a vosa disposición as máis de 400 camas nas nosas Unidades de Coidados Intensivos e áreas de anestesia. O reto é moi grande, a enfermidade pode ser grave, pero con traballo de todos os profesionais sanitarios sairemos adiante.

Os anestesiólogos, xunto cos intensivistas galegos, podemos duplicar o número de camas das Unidades de Coidados Intensivos (UCI) para resolver os retos que a pandemia de coronavirus nos esixe. Entre todos a vencelo, vós quedándovos en casa, nós traballando duramente.

Moitas grazas polos aplausos e moitas grazas por quedarvos na casa.