Coñecer o pasado para entender o presente e para debuxar o futuro, saber como foi a vida dos maiores para evitar repetir erros, para conquistar máis espazos e seguir na loita, coñecer a historia de Camilo de Dios, o último guerrilleiro de Galicia, é case unha obriga nestes tempos. Para que a súa vida entre nas lembranzas desta xeración, os catro estudantes que fixeron o Traballo Fin de Grao de Comunicación Audiovisual sobre os seus recordos levan o seu documental un paso máis alá e, desde onte, compárteno na súa web, en aberto e de xeito gratuíto, oultimoguerrilleiro.com.

As primeiras entrevistas fixéronas hai cinco anos xa, e tres meses despois do pasamento de Camilo, os catro membros do proxecto decidiron que a mellor maneira de honralo era metendo a súa historia nas casas dos demais, aínda máis nun período de confinamento e de loita contra o coronavirus. "Logo do pasamento de Camilo, sentimos que a mellor homenaxe que lle podiamos facer era tentar dar a coñecer a súa vida ao maior número de persoas posible e por iso decidimos publicalo de xeito libre e gratuíto", explica Miguel García, un dos membros do equipo. Camilo, que se criou cuns pais que daban "vivas a Rusia" e que perdeu a un irmán de 19 anos, Perfecto, a mans da Garda Civil, conta a súa historia, mais tamén o pasado da loita antifranquista. Gardaba na casa as botas do seu irmán, as que levaba cando foi enterrado, unhas botas dun rapaz que fuxía e que quedou no camiño. Pero agora a súa historia revive, en cada unha das proxeccións volven xurdir os seus ideais, os seus convencementos antifascistas. "Foi moi emocionante falar con tanta xente non só da vida de Camilo, senón da historia de inxustiza e desmemoria que se vive en España", explica Juan Pirola, outro dos membros do grupo que puxo en pé o proxecto. Mais, se ten que quedar cunha, teno claro: A do antigo centro clandestino de detención, tortura e exterminio Virrey Cevallos, en Bos Aires, na que participou unha das moitas vítimas da última ditadura arxentina.

O documental estará dispoñible en galego, español e inglés, mais, Alba Sánchez, outra das almas do proxecto, relata que segue vivo, así que, traballan xa para traducilo a máis idiomas e que esta historia, que nace en Sandiás (Ourense), no ano 1933, e que remata tamén alí „Camilo finou en decembro do ano pasado„, se faga aínda máis universal.

"Sentimos que hai moitas cousas que puidemos facer moito mellor, pero agora queremos que o proxecto siga traspasando fronteiras", recoñece o outro compoñente do equipo, Pedro Iglesias.