Nunca foi Radio Océano un grupo de ensaios. Mais non tanto por preguiza, senón polas circunstancias. Contan que ao comezo os "botaban de todos os sitios", espantados pola súa música "a todo meter", ata que atoparon ás aforas de Ferrol un refuxio afastado do mundo. Pero non houbo local que lle puidera o pulso ás obrigas, e a vida volveu xogar as súas cartas, convertendo nun encaixe de boliños o tempo pensado para perfeccionarse.

Xosé Manuel Pereiro, ao micrófono desde os anos 80, compara as súas peripecias co filme de Lady Halcón. E é que a historia de Richard Donner, na que dous namorados non poden estar xuntos a causa dun feitizo, cadra ben coa banda, se maldición se substitúe por traballo. "Entre uns ocupados polas mañás, outros polas tardes, e [Santiago] Romero (baixo) que non librara", atopar ocos era imposible. Fai uns meses, coa chegada das xubilacións, semellaba que o grupo podería somerxerse ao fin na música, pero arribou o Covid, un revés de todo inesperado.

"Agora que podíamos tocar, vén o coronavirus. Será que somos gafes", di con humor o músico, resignado a pasar estes días separado da banda. Pero a maxia do telemático, ao igual que noutras ocupacións, tamén pode brillar durante a corentena. Armados cun ordenador, e coa gravación de dous ensaios de mediados de marzo, o grupo montou esta semana Revisando os danos. A favor de quen estamos?, o videoclip dun dos seus novos temas.

Malia que os versos foran escritos fai décadas polo seu irmán, o poeta Lois Pereiro, o cantante vincúlaos agora á pandemia. "Polo momento estamos na etapa de revisar os danos, e entrando na de a favor de quen estamos. Esta é unha situación que nunca tal vin, porque logo de traxedias como a II Guerra Mundial había xente coma Churchill, que tiña un nivel, pero aquí parece que estamos en mans dunha xestoría", indica. O tamén xornalista opina que "neste país nunca se manexou ben unha crise", e que "ao final, é a xente á que salva á xente". Por iso quixo, xunto ao resto do grupo, converter ao pobo no "protagonista" do seu vídeo, no que intercala varios lotes de fotografías dos cidadáns durante o tempo do Covid.

As imaxes, realizadas na Coruña e Ourense por Amador e Brais Lorenzo para unha reportaxe sobre a emerxencia sanitaria, amosan desde as caras máis chocantes da crise ata as máis cómicas. Entre elas agroma "o ser humano só ante o perigo", os que traballan fronte ao público nos mercados e os coidadores das residencias de maiores, pero tamén o "planeta balcón", con todas esas festas coas que, ás veces ata disfrazados, se trata de pasar a corentena.

Para que non fora unha sucesión "estática" de instantáneas, Pereiro engadiu aqueles momentos doces que hoxe o semellan máis polo contexto. Fragmentos de concertos no Garufa Club ou nos festexos de Monte Alto animan o tema, para o que o músico tivo que iniciarse no mundo da montaxe audiovisual desde a casa.

"Foi moito proba e erro, porque era a primeira vez que o facía. Empreguei a ferramenta básica que trae o ordenador, e a voz, como se escoitaba pouco, graveina co micrófono do portátil coma quen fala por Skype", explica o cantante. Confesa que xa levara tempo "pensando en facer algo" antes de lanzarse, pero que as intencións da banda quedaron soterradas pola cantidade de contidos que xurdiron desde o sector cultural. Abril Republicano, un festival online ideado polo escritor Víctor Sampedro, foi a escusa que necesitaban para dar o paso, e recoller de novo do chan do cuarto o cartafol coas partituras. Sampedro é, di Pereiro, "moi fan de Radio Océano", e o grupo non podía faltar no programa. Os máis coruñeses recoñecerán nel un eco do seu pasado, se é que foron velos na súa actuación como parte do Noroeste Estrella Galicia.

Na praza das Bárbaras é onde tocaron por primeira vez a canción, nada, como moitas do grupo, como improvisación no propio escenario. A banda lamenta que a urbe xa non sexa "a mesma" daquela, senón unha cidade "postapocalíptica", da que, aseguran, falarase no futuro.

"Poderasllo contar aos netos: 'Tiña que vir outro confinamento para ver o que é estar entre cinco cunha wifi!", chancea o vocalista, que aproveita estes días para "meterlle letras" ás novas cancións. Quizais algunha remate por falar do Covid, pero iso si, a ritmo de punk.