As bibliotecas públicas galegas súmanse á conmemoración virtual de Carvalho Calero, con diversas actividades, exposicións e alternativas que aproveitarán os medios dixitais e telemáticos para compensar as restricións provocadas pola crise sanitaria e a reprogramación do calendario de eventos polas Letras Galegas.

A Biblioteca Pública Miguel González Garcés de A Coruña difundirá unha guía de lectura sobre o escritor ferrolán e outra sobre a súa vida e obra, que será obxecto de concursos e accións nas redes.

A Biblioteca Pública de Lugo mantén a mostra Carvalho Calero Lucense, unha exposición virtual que presenta unha liña de tempo coa súa obra poética, teatral, de prosa e ensaio escrita durante a súa estancia na provincia.

Doutra banda, a Biblioteca Pública de Ourense unirá esta conmemoración á 'festa dos maios' cunha creación floral dedicada a Carvalho Calero, unha mostra dixital sobre a súa obra e outra sobre autores en galego.

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra sacará adiante a iniciativa 'Letras con moito ritmo', na que convidará ao publico infantil a escribir e recitar poesía, ademais de ofrecer a exposición 'Ricardo Carvalho Calero: compromiso coa lingua'.

En Santiago, a Biblioteca Pública Ánxel Casal tamén contará cunha exposición virtual nas súas redes sociais, con infografías, e a difusión de fondos da plataforma 'GaliciaLe'.

A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel contará coas mostras virtuais 'Carvalho Calero, Pretérito (im)Perfecto: traxectoria e obra' e 'As Letras de grandes e pequenos', esta última pensada en clave infantil.

Finalmente, a Biblioteca de Galicia incluirá unha sección no seu portal con todos os artigos e poemas publicados por Carvalho Calero nas diferentes cabeceiras de prensa galega e que se atopan dixitalizados, e publicará unha relación con todos os recursos dispoñibles na rede.