Os organizadores de O Son do Camiño, o Resurrection Fest e o Festival Portamérica -as tres principais citas festivaleras do verán galego- comunicaron onte a súa decisión de suspender a súa edición de 2020 e aprazar os eventos ata o verán de 2021. A decisión prodúcese tras semanas de incerteza para as persoas que adquiriran as entradas, por mor das limitacións creadas polo estado de alarma pola pandemia de coronavirus e ante a falta de "instrucións concretas" sobre a posibilidade de celebrar eventos multitudinarios, segundo informaron onte desde os tres certames musicais.

A través das súas redes sociais, O Son do Camiño confirmou o aprazamento da que ía ser a súa terceira edición, programada no compostelán Monte do Gozo para os días 18, 19 e 20 de xuño que contaba coa presenza de artistas internacionais coma Bad Bunny, Daddy Yankee, Chemical Brothers, The National ou Liam Gallagher. Os abonos para estar terceira edición do festival compostelano agotáronse, como en anteriores ocasións, en só unhas horas.

Tendo en conta o plan de desescalada que marca o Gobierno central -fixado en función de sucesivas fases as que as provincias poderán acceder cada 15 días consecutivamente se cumpren cos resquisitos marcados-, os organizadores argumentan que non sería posible a celebración dun evento destas características -por reunir a miles de persoas aínda que se celebra o aire libre- antes do 22 de xuño. Isto, unido á "falta de instrucións concretas por parte do Goberno central", levou aos seus responsables a tomar a "difícil" decisión de suspender a edición de este ano 2020.

Con todo, explicaron que traballan na " reprogramación" do cartel, coa intención de que "os principais atractivos estean presentes na edición de 2021", que será os días 17, 18 e 19 de xuño, á vez que avanzaron "moitas novidades", tendo en conta que a próxima edición coincidirá coa celebración do Xacobeo.

As persoas que comprasen unha entrada e desexen devolvela, "terán garantidos os seus dereitos", aclararon, aínda que tamén será posible conservala, dado que serán válidas para a edición de 2021.

Tamén onte foi a data elixida polos responsables do Resurrection Fest de Viveiro (Lugo) para confirmar unha cuestión que xa se había esbozado, que a celebración do seu 15 aniversario aprázase ata o vindeiro ano.

"Consideramos que é a única decisión posible, a única acertada e correcta, e que prioriza a saúde de todos os asistentes, staff e artistas", recolle a organización nun comunicado, no que se precisa que se celebrará, finalmente, entre o 30 de xuño e o 3 de xullo de 2021, no mesmo fin de semana que este ano. A organización precisa que "as entradas serán válidas sen necesidade de facer nada", polo que se lle pide ás persoas que xa a tivesen comprada, que xa queden se teñen previsto asistir o próximo ano. Ademais, aseguran que "todo indica que o cartel será practicamente o mesmo incluídos os cabezas de cartel e co aliciente de novos artistas e sorpresas".

"Para nós é o momento máis duro da nosa historia e, aínda que non houbese tanta comunicación durante todas estas últimas semanas como é habitual, houbo moitísimo traballo interno, máis que nunca", engaden.

Na mesma liña, o Festival Portamérica, previsto do 2 ao 4 de xullo en Caldas de Reis (Pontevedra), tamén decidiu aprazar a súa celebración ata os primeiros días de xullo de 2021. "Queremos ofrecervos o maior grao de satisfacción, e nestes tempos non se dan as condicións para garantilo", recolle o comunicado compartido a través das súas redes sociais.

No Portamérica dan a posibilidade de devolver a entrada adquirida ou conservala para o próximo ano tendo en conta, aseguran, que xa teñen a confirmación da maior parte dos artistas do cartel que estaba previsto para este ano.