O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega (RAG) acordou na súa última xuntanza, celebrada telematicamente, incorporar ao Dicionario covid-19, coronavirus, teletraballo, desconfinamento e desescalada xunto a outras palabras de uso crecente en plena pandemia, visibles deste esta mesma mañá na edición en liña desta ferramenta esencial da lingua galega. Dende o comezo do confinamento o pasado 15 de marzo, o Dicionario da RAG acadou o maior volume de consultas da súa historia. O mes de marzo rematou cunha media de 113.000 procuras diarias que en abril chegaron ás 133.000 (preto de 4.000.000 en total), un 82% por riba das rexistradas no mesmo período do ano anterior.

A crise sanitaria tamén deixou pegada entre os termos máis buscados. Xunto aos que adoitan repetirse todos os meses nesta listaxe, como só, máis, fóra ou botar, nas últimas semanas as procuras das palabras corentena, confinamento, máscara e pandemia foron as que máis medraron.

Novas entradas

A palabra covid-19 é un dos novos lemas que o Seminario de Lexicografía acordou incorporar ao Dicionario da RAG en resposta á irrupción na fala cotiá de distintos termos relacionados coa crise provocada por esta enfermidade. O termo é resultado da rápida lexicalización que experimentou o acrónimo do inglés Coronavirus Disease 2019 "doenza por coronavirus 2019", como sucedeu no seu día coa sida, a "síndrome de inmunodeficiencia adquirida". O Dicionario recolle tamén a posibilidade de seguir a consideralo un acrónimo, de modo que pode escribirse igualmente con maiúsculas, Covid-19, ou só con maiúscula inicial, Covid-19. Alén da escolla neste sentido, o xénero é sempre feminino, en concordancia co da voz "enfermidade" á que se refire.

O termo coronavirus incorpórase tamén ao Dicionario, que se fai eco así da súa popularización en só cuestión de semanas por mor do SARS-CoV-2, o coronavirus causante da pandemia de covid-19, recorda un dos exemplos que completan a súa entrada. Entre as novas voces figuran outros termos da medicina relacionados coa pandemia como os substantivos femininos sepse e sepsia (sinónimos de septicemia, que xa aparecía recollido), ou asintomático, asintomática, o antónimo de sintómático, formado co prefixo a- de orixe grega, que indica negación.

A familia léxica de teletraballo, formada a partir do prefixo de orixe grega tele- (a distancia) e cada vez máis empregada ao se converter nunha modalidade prioritaria no estado de alarma, xa está recollida tamén dende hoxe no Dicionario, que completa a entrada de traballo co fraseoloxismo traballo a distancia, de idéntico significado. De igual maneira, xunto á palabra webinario, o Seminario de Lexicografía acordou engadir o fraseoloxismo seminario web na entrada de seminario.

O Dicionario enriquécese tamén coas voces desconfinamento e desescalada -formadas, unha vez máis, cun prefixo (neste caso des-) a partir de palabras que xa figuraban no Dicionario-, infodemia e resiliente, e incorpora as acepcións de resiliencia relativas á capacidade de adaptación a situacións adversas.