Raúl Ríos Pampín desfrutaba onte do mar, lonxe da parroquia onde vive, pretiño do IES número 1 de Ordes, onde cursou o Bacharelato de Ciencias, e arrincando o verán no que se convertiu na mellor nota da ABAU galega. Sen contar as materias específicas, Raúl, que foi polo itinerario de Ciencias con Química e Bioloxía, aínda que tamén é un apaixonado das Humanidades e levou Filosofía ata o final, acadou un 9,92 nas probas. Coas específicas, di, sumaría un 13,920. Agarda que esta calificación sexa abondo -o curso pasado si- para carreira coa que materializar, en Santiago, preto da casa e da súa xente, o seu obxectivo de convertirse en médico, vocación na que influíu a pandemia.

Con esa calificación ábrense moitas portas. Quere facer Medicina, pero tamén lle atrae Filosofía...

Quero facer Medicina porque o coronavirus e a coarentena fixéronme reflexionar sobre a importancia que ten o labor do médico na sociedade, pero realmente a miña paixón é a Filosofía. Pero é unha carreira que podo facer unha vez acabe, por asignaturas ou pola UNED, e podo seguir tomándoa como un hobby.

Esperaba ser o mellor?

Para nada. É moi difícil ser a mellor nota da ABAU e, aínda que me esforcei por sacar as materias con boa nota, nunca me imaxinei poder ser o mellor. Ademais, houbo algúns exames difíciles, como Química. A xente falou tamén do Inglés, pero a min non me resultou complicado porque teño bo nivel e tiven algúns veráns en Inglaterra.

É bo estudante de sempre ou apurou agora para a ABAU? Cal é o segredo do seu éxito?

Xa fun de moi boas notas en xeral durante a ESO e o Bacharelato. Atendo moito nas clases e esfórzome, pero non son unha persoa que estude moitísimo, que ao mellor bote horas e horas ao día estudando. Principalmente o que fago é entender moito o que dan nas clases e intentar practicar moitos exercicios. Obviamente, para sacar unha media coma a que tiven claro que hai que esforzarse, hai que estudar, pero non creo que a chave de sacar boa nota estea tanto no tempo que lle adiques, senón máis ben en como enfoques o estudio, máis dende unha perspectiva de entender e interesarse pola materia e de saber realmente como funcionan as cousas ca en botarlle horas e horas repetindo o mesmo. Tamén hai que saber canto tempo adicarlle a unha asignatura. O de organizarte e saber distribuír o tempo para cada materia é moi importante.

Como viviu os últimos meses?

Antes do confinamento xa tiña boas notas e o que se fixo foi mandar traballos para melloralas, pero como en case todas as mateiras xa tiña a máxima cualificación, no confinamento adiqueime a ler, que me gusta moito. E cando comecei a preparar a ABAU en serio non me privei de saír cos amigos nin de ir a ningún evento familiar por mor de estudiar para os exames, porque, se te organizas ben, non tes ningún tipo de problema que che coarte a liberdade de poder saír cos amigos e de facer as cousas que realmente che gustan.

Ata de ler, comenta.

A min gústame ler. Literatura en xeral, gústame moito a novela negra, tamén os clásicos, e de vez en cando Filosofía. Aínda que fun polo Bacharelato de Ciencias, todo o que é Humanidades, Historia, Literatura, apaixóname. De feito este curso tiven moita indecisión de que estudiar cando acabase a ABAU se a nota que tivese me deixase escoller entre moitas carreiras, porque me gustan as letras, as humanidades, pero a ciencia tamén.

Falando desa dicotomía, a Filosofía, que vostede aprecia, foi relegada no instituto e agora algúns ven en risco materias como Grego ou Latín. Parécelle importante que se manteñan e, se si, por que?

Considero fundamental ter unha fonda base humanística. Penso que son materias transversais e que, no caso da lingua, son vehiculares, porque fagas o que fagas tes que ter un gran manexo de idiomas para poder comunicarte. A Literatura, que a moitos ao mellor lles parece superflua, é fundamental porque che ensina outras maneiras de ver o mundo, e o bonito da Filosofía é que che mostra outras perspectivas de como entender a mesma cousa. Sen materias coma Latín e Grego e todas das que falamos o ser humano perdería moito, aínda que a ciencia tamén é unha disciplina moi bonita e fundamental para o progreso.