O Goberno galego presentou as instrucións para o desenvolvemento do período de formación en empresas nas ensinanzas de Formación Profesional, artísticas e deportivas na situación excepcional de pandemia derivada do coronavirus.

As instrucións recollen unha serie de mecanismos e alternativas a poñer en marcha en función do tipo de ensinanza, co fin de flexibilizar as condicións da formación práctica co obxectivo de darlle as máximas facilidades ao alumnado para que poida completar o seu currículo, sen mermar a calidade na adquisición de coñecementos e destrezas asociadas a cada título.

Segundo o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, “a prioridade máxima é que os alumnos completen a súa formación nos centros de traballo” xa que “a formación en empresas é un elemento fundamental para a adquisición de competencias por parte do alumnado cara á súa inserción laboral”. Non obstante, hai “que estar preparados” por se a evolución da pandemia pode dificultar ou impedir o desenvolvemento desta Formación en Centros de Traballo. No caso excepcional de que non se poidan completar ou levar a cabo as prácticas en empresa de xeito presencial, dáse a posibilidade de que o módulo de Formación Práctica en Empresa se realice de xeito telemático ou flexibilizar os tempos de prácticas.