Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador coruñés e membro da Real Academia Galega (RAG), faleceu na Coruña nas últimas horas aos 84 anos de idade segundo confirmou a Fundación Rosalía de Castro, da que era padroeiro.

Barreiro Fernández (Ribeira, 1936) foi unha das figuras sobranceiras da historiografía galega contemporánea. Licenciado e doutorado en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma, en 1974 obtivo a licenciatura en Filosofía e Letras, con premio extraordinario, e doutorouse en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese O campesino galego no século XIX: economía e sociedade. Foi catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na mesma universidade, onde desempeñou as funcións de decano da Facultade de Xeografía e Historia.

Desde o 20 de decembro de 2001 ata o 23 de xaneiro de 2010 foi presidente da Real Academia Galega, substituindo a Francisco Fernández del Riego, co que colaborou moi estreitamente na renovación da histórica institución.

Entre as súas achegas ao campo xurídico destacan, entre outras, El origen litúrgico del Derecho Canónico ou La estabilidad del beneficio mentres que a súa obra histórica repártese en numerosos libros e estudos.

Os seus traballos de investigación céntranse sobre todo na historia contemporánea de Galicia. Destacan: El carlismo gallego (1976), El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (1977) e Historia Contemporánea de Galicia (1981), obra pola que recibiu o Premio da Crítica 1982.

Dentro da súa actividade investigadora, merece unha mención especial a súa atención á figura de Manuel Murguía, primeiro presidente da RAG e figura sinalada no Rexurdimento galego do século XIX.