A Xunta de Galicia destina preto de 2,5 millóns de euros a financiar os contratos posdoutorais de 24 científicos para que consoliden a súa carreira investigadora en Galicia mediante a apertura de liñas propias de investigación.

Estas axudas posdoutorais de continuidade, que cada ano convocan conxuntamente a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, reforzaronse tanto a nivel orzamentario (un 14,3% máis) como en número de contratos (tres máis con respecto á ultima convocatoria).

Os contratos que agora se resolven forman parte dos programas de apoio á formación predoutoral e posdoutoral do Goberno Galego, que este ano acadan un importe de 17,65 millóns de euros (un 5% de crecemento) e un total de 175 contratos, o que supón a convocatoria de maior envergadura −tanto a nivel de orzamento como de prazas− realizada ata o de agora en Galicia para estes dous programas.

Os 24 beneficiarios destas axudas da formación posdoutoral de continuidade (20 para as universidades do Sistema Universitario Galego e catro no resto de entidades beneficiarias) disporán dun contrato de dous anos de duración por un importe total máximo de 78.000 para o período (exactamente a mesma contía establecida na última convocatoria destes contratos) así como dunha axuda complementaria dotada con 25.000 euros a maiores co fin de dar continuidade á súa carreira investigadora, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria. O importe das axudas nesta modalidade destinarase a pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada.