A Real Academia Galega (RAG) congratúlase pola decisión de Patrimonio Nacional de facilitar o acceso aos códices das Cantigas de Santa María baixo a súa custodia, conservados na biblioteca do Escorial.

“Patrimonio Nacional cumpre así unha débeda coa cultura galega, a cultura hispánica, a cultura europea e a cultura universal”, salienta a RAG, que o pasado mes de marzo emitiu unha declaración pública reclamándolle que seguise os pasos doutras moitas bibliotecas en materia de difusión dos seus fondos e permita o acceso libre a través da Rede a estes manuscritos, dous dos catro que compoñen a colección de Afonso o Sabio.

A directora de Patrimonio Nacional, Llanos Castellanos, en conversa persoal co presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, confirmou estes días que estarán accesibles ao público a través da Rede nas vindeiras semanas.