Florencio Delgado Gurriarán será o protagonista do Día das Letras Galegas de 2022, segundo o acordado hoxe polo pleno da Real Academia Galega (RAG). Delgado Gurrirán (O Barco de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, Estados Unidos, 1987) foi escritor, editor literario e activista político e cultural, e unha figura fundamental do exilio galego en México.

O Pleno da Real Academia Galega (RAG) decidiu hoxe que Florencio Delgado Gurriarán protagonizará o Día das Letras Galegas do próximo ano e a decisión tomouse nunha sesión ordinaria na que se someteron a votación as tres candidaturas presentadas nesta ocasión por membros de número da institución.. Ademáis da opción de Delgado Gurriarán, optaban a ser protagonistas do próximo 17 de maio de 2022 unha candidatura conxunta formada por Ánxel Casal Gosende (A Coruña, 1895-Teo, 1936), fundador da Editorial Nós, nunha candidatura conxunta xunto co poeta granadino Federico García Lorca (1898-1936), autor dos Seis poemas galegos publicados no devandito selo; e unha terceira candidatura protagonizada por Fiz Vergara Vilariño (Samos, 1952-Lugo, 1997), poeta singular, narrador e dramaturgo.  

A candidatura que este venres resultou elixida polo pleno da RAG con Florencio Delgado Gurriarán como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2022 fora presentada -segundo expuxo o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes- por tres académicos: Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Rosario Álvarez. A eles adheriuse tamén Salvador García Bolaño. Esta opción recibiu catorce votos.

A candidatura que prantexaba homenaxear a Fiz Vergara Vilariño obtivo catro votos, os mesmos que acadou a dobre candidatura que apostaba por Ánxel Casal e Federico García Lorca.