A Xunta, a través da nova Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, vai inxectar un total de 83 millóns de euros€ (un 12,24% máis que o Edulingüe 2020) no sistema educativo galego nunha primeira fase de catro anos ata 2025 para o impulso de accións de alto impacto e de especialización na aprendizaxe de idiomas nos próximos anos co obxectivo de dar un salto de calidade enfocado aos retos de futuro.

O Edulingüe 2030 inclúe un programa integral de extensión e afianzamento do ensino plurilingüe co obxectivo de que no ano 2030 máis do 85% dos centros educativos teñan desenvolvido o modelo plurilingüe galego.

Tras dar cumprimento dos retos fixados no Edulingüe 2020 de estender o plurilingüismo ás etapas de Infantil, Bacharelato e FP, agora a nova estratexia márcase como obxectivo ampliar o modelo ás ensinanzas de Réxime Especial (ensinanzas de danza, conservación e restauración de bens culturais, deportivas, profesionais de artes plásticas e deseño, superiores de arte dramática, superiores de deseño e música). Así mesmo, o plan contempla, dentro da rede de centros plurilingües, impulsarase a creación de centros especializados de alta competencia lingüística que reforzarán a oferta e os servizos das ensinanzas en idiomas, como unha evolución do modelo de ensino de linguas estranxeiras en Galicia.

Unha das liñas máis salientables é o reforzo dos programas de inmersión lingüística activa, coa maior oferta de estadías feita ata o de agora, que permitirá ao alumnado unha formación integral —académica, cultural e social— de enriquecemento persoal e de oportunidades de futuro. O plan inclúe, por primeira vez, unha liña específica de programas de boas prácticas baixo a filosofía de compartir para mellorar. Isto é, que os centros punteiros do sistema en materia de aprendizaxe lingüística poidan compartir as súas prácticas docentes de xeito que beneficie ao conxunto do sistema.

O plan de linguas inclúe tamén accións específicas de dixitalización do ensino plurilingüe, na procura dunha cidadanía dixital plena. O Plan de Linguas contempla a introdución de estratexias de ensino innovadoras coa integración das tecnoloxías de xeito que se promova a aprendizaxe ao longo da vida. Isto é, que o alumnado e o profesorado teña á súa disposición plataformas específicas de aprendizaxe con recursos en aberto, que lles permita afianzar e mellorar os seus coñecementos lingüísticos máis aló das actividades de carácter estritamente académico.