O concurso eduEmprende Idea 2021, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño, entregou galardóns a alumnado de centros de A Coruña, Vigo e Ponteareas. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca este certame no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, Eduemprende.

O obxectivo do concurso é fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado a través da elaboración de proxectos empresariais concretos, aproveitando as experiencias empresariais coas que entran en contacto mediante visitas a asociacións ou federacións de empresas.

Premiouse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade, unha dirixida a ciclos de grao superior e outra a ciclos de grao medio. Na modalidade de ciclos de grao superior o primeiro premio foi para o proxecto Beade Bike Park & Workshop, conxunto entre o Centro Integrado de FP (CIFP) Valentín Paz Andrade e o colexio CPR Vivas, ambos de Vigo. Esta iniciativa consiste na creación dun Bike Park para poder disfrutar das diferentes modalidades de MTB e unha tenda asociada para vender produtos relacionados co sector, manter a punto as bicicletas, tanto dos usuarios do circuíto como de persoas alleas a el. A maiores ofrece outros servizos como cursos e roteiros.

O segundo premio foi para Capptus, do CIFP Manuel Antonio (Vigo). Trátase dunha aplicación móbil que permite aos guías dividir a grandes grupos en grupos reducidos, comunicarse con eles en grupo ou individualmente e utilizar a xeolocalización durante o transcurso da visita. Desta maneira, os usuarios poden saber onde está o guía e percorrer os espazos libremente sen necesidade de permanecer nun grupo.

O terceiro premio da modalidade de ciclos de grao superior foi para Viñedo Ecolóxico, do CIFP A Granxa (Ponteareas), un proxecto de plantación do viñedo ecolóxico para a elaboración do Albariño Organic Wine como dinamizador rural.

Na modalidade de ciclos de grao medio o primeiro premio foi para Beauty, do CIFP Someso, o segundo para Natexga, do colexio CPR Nebrija Torre de Hércules, e o terceiro para Olé Visual Design, do instituto IES Rosalía Mera. Os tres son centros ubicados na cidade da Coruña.