Como cada cuarto xoves de abril, celébrase o Día das Rapazas nas TIC para potenciar as mil primaveras do talento feminino nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Ante 1.200 estudantes de 27 centros escolares falarán hoxe as seguintes referentes, nun acto organizado pola Secretaría Xeral de Igualdade, o Cesga e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia: a desenvolvedora de proxectos transmedia para videoxogos, Dhaunae de Vir; a enxeñeira en Telecomunicacións, Edita de Lorenzo; a doutora en Medicina Molecular, Laura Martínez; e a enxeñeira en Informática e directora de Negocio TI de Indra en Galicia, Lucía Ardao.

Nunha conversa deste diario coas dúas últimas, reflexionaron sobre o papel das mulleres e as nenas ante as TIC. Sobre a importancia desta xornada, Lucía Ardao (directora de Negocio TI de Indra en Galicia) destaca “a súa relevancia porque falamos dun sector que hai anos era eminentemente masculino, é imprescindible seguir fomentando as vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas xa que ademáis é un dos de maiores oportunidades laborais”. Defende que desde o ámbito académico “as rapaces sexan animadas para interesarse nestas profesións, que teñan referentes nos que ollarse e coñecer o valor social da tecnoloxía no mundo actual: a formación é clave para o cambio”.

Sobre a mesma cuestión, Laura Martínez (doutora en Medicina Molecular) recalca que “a gran maioría das cabezas visibles neste campo seguen sendo homes, é imprescindible que vexamos máis referentes femininos para que todo o mundo sexa consciente de que a muller estivo e está (espero que de maneira igualitaria moito tempo) neste mundo”. As vocacións nas TIC avívanse cada vez máis entre as nenas, pero Lucía Ardao considera que “hai que seguir empuxando, ninguén dubida de que as mulleres teñen a mesma capacidade que os homes e que ademáis contan con flexibilidade, negociación, escoita e comunicación, empatía ou traballo en equipo que son cada vez máis importantes nas organizacións”.

Segundo Laura Martínez, “cada vez somos máis conscientes de que nos movemos nun mundo sesgado e de xeito inconsciente asignamos un sexo a certas profesións, e por iso son necesarias iniciativas como o Día das Nenas nas TIC”. Considera que “a elección da túa profesión debería estar baseada nos teus gustos e aptitudes, e non condicionada por roles de xénero”.

Lucía Ardao quere engadir que “as xeracións están cambiando, hai anos as vocacións STEM entre as mulleres eran máis estranas pero agora figuran entre as súas primeiras opcións pola súa capacidade para desempeñar o talento en entornos innovadores”. Como exemplo indica que “en Minsait, compañía lider en transformación dixital, contamos con máis de 42.000 empregados TIC e entre os juniors as mulleres son o 41%”.

No ámbito investigador, Laura Martínez lamenta que “a situación en España en xeral é precaria pero aínda máis difícil para as mulleres, estamos avanzando pero queda camiño por percorrer”. E no polo aeroespacial, Lucía Ardao (Indra) apunta que a muller vai gañando maior representatividade: “Queda moito por avanzar, pero con independencia do sexo necesítanse profesionais capacitados”.