O Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG) reelixiu onte a Rosario Álvarez como presidenta. A súa candidatura foi a única presentada e afronta agora o que será o seu segundo e último mandato. A presidenta electa afronta o novo período con renovado impulso que manterá os seus sinais de identidade: xestión participativa, busca de novos públicos, cohesión do tecido cultural galego e colaboración con todo tipo de entidades, así como a promoción exterior da cultura galega.

O Plenario validou o proxecto presentado por Álvarez, que manifestou o seu desexo de continuar cunha dirección non presidencialista senón marcada por unha xestión participativa que contribúa a activar a implicación dos membros do Plenario xunto cos das Seccións, Comisións e Arquivos. Na súa intervención, a presidenta electa incidiu na relevancia de fortalecer internamente a institución e reforzar a cohesión do sistema, procurando unha interlocución fluída con axentes culturais de diverso tipo. Ademais, demandou a rele de ofrecer espazos de confluencia para a toda a sociedade nos que compartir reflexións, inquedanzas, balances, propostas de futuro, problemas e solucións, formación e divulgación de novo coñecemento, sempre arredor da cultura galega.

Álvarez comparecerá como presidenta electa no Parlamento e o seu nomeamento será efectuado polo Consello da Xunta e posteriormente publicado no DOG. Tras a súa incorporación oficial, o Pleno do Consello da Cultura Galega elixirá os membros da nova Comisión Executiva por proposta da presidenta. O seu proxecto responde ao principio de programación participativa, no que colabora todo o organigrama da institución, xunto cun número crecente de parceiros de todo o sistema. Manterá iniciativas xa en marcha, como o programa de actividades seguindo un modelo institucional cohesionado; a estratexia de programación e comunicación dixitais; os informes, documentos de traballo e asesoría; o arrequecemento, xestión e explotación dos fondos dos centros de documentación do CCG, cunha mención expresa á necesidade de visibilizar o fondo fotográfico da institución.